Trânsito é o peche simbólico que Antom Fortes fai dunha triloxía formada por Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, dous dos libros máis admirados da poesía homoerótica galega. Trátase dunha entrega onde o autor se demerxe na recuperación saudosa dunha biografía afectivo-sexual, convertendo o poema nunha especie de máquina emocional que nos traslada a unha época callada de dificultades no social e significada polas dúbidas de xénero no individual. Pero non só é o pasado o que abrolla por entre os escintilantes versos de Fortes, senón que Trânsito é unha obra xurdida no presente e marcada por unha crise de saúde e de idade. Nese sentido, responde tamén á necesidade dun exercicio de memoria terapéutica fronte á morte. |