Pode lerse como unha novela, pode lerse como relatos encadeados sobre a memoria, os segredos das familias, unha casa habitada durante séculos que agora se pechará, aldeas nun proceso acelerado de mudanza, a Costa da Morte que constitúe o territorio literario de Aleixandre... Publicado en 1996, traducido para o castelán e reeditado en 2022, pois, segundo a autora, a súa intención é escribir clásicos, hai neste libro relatos pioneiros, o primeiro en galego sobre a violencia de xénero, “Terror na madrugada”, e sobre os fusilados do 75, “A luz do día escura”, recollido en antoloxías en inglés. A escrita delicada, a atención á creación de ambientes, o diálogo cos textos literarios, son trazos da voz de Marilar Aleixandre que escolle o relato como no que máis goza escribindo. |