Beleza, verdade é o titulo da antoloxía poética de Ricardo Carvalho Calero realizada por Pilar Pallarés, unha das máis aprezadas discípulas do escritor. Na poesía de Ricardo Carvalho Calero a verdade e a beleza coexisten, loitan e afírmanse, unha dinámica á que non é allea a apaixonante perfil dun home múltiplo e contraditorio, cunha visión da existencia fundamentalmente relativista. Pilar Pallarés volve a mirada sobre a poesía do seu outrora profesor e con esta escolma descúbrenos nel ámbitos que permenecían ata agora case inéditos, como a vertente política, o turbador xogo de máscaras e os paradoxos da súa propia traxectoria literaria. Beleza, verdade é neste sentido unha proposta de lectura singular pero tamén unha análise extraordinaria da obra e da personalidade dun escritor que adquire aquí unha complexidade inédita. Ao tempo, o volume contextualiza e reconstrúe a imaxe de Calero cunha cronoloxía da súa peripecia persoal –marcada pola represión na ditadura– e unha serie de materiais complementares, autopoéticas, entrevistas e fotografías que amosan o carácter monumental do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas do 2020. |