Este libro, coordinado polo profesor Luís Cochón, reúne trinta traballos moi diversos arredor das Irmandades da Fala, o fenómeno que supón o principio da modernidade en Galicia no século XX. Un período, entre 1914 e 1931, que na historia do galeguismo configura un espazo sen volta no acontecer de Galicia, que comeza co inicio da Gran Guerra e se alonga até a proclamación da República do 31, ano de fundación do Partido Galeguista e da celebración da VII Asemblea das Irmandades da Fala, principio e cabo deste tempo. Tras un limiar de X. L. Méndez Ferrín e unhas palabras introdutorias do editor literario, os traballos organízanse en tres grandes bloques: Pensamento, Política e Poética. Unha tríade que, coincidindo coa celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, artella un libro de intención coral, interdisciplinar, transversal e aberta. |